CRTVG

Buscar

A UE aproba a proposta alemá de vencellar os fondos de recuperación co respecto ao Estado de dereito

Publicado o 30/09/2020 18:07

A proposta de Alemaña, que preside este semestre a Unión Europea (UE), para retirar fondos aos países que violen os principios do Estado de dereito recibiu o apoio dos países da UE e da Comisión Europea (CE), o que supón un paso adiante para activar o plan de recuperación pospandemia.

Os embaixadores dos Vinte e sete ante a UE aprobaron este mércores por "ampla maioría" a proposta de compromiso, segundo informou un portavoz da Presidencia alemá en Twitter, o que permitirá que comecen as negociacións coa Eurocámara para acordar o texto final.

A aprobación do mecanismo do Estado de dereito é esencial para poder dar luz verde ao orzamento europeo 2021-2027 e ao Fondo de Recuperación de 750.000 millóns de euros, pero a falta de unanimidade entre os países e co Parlamento Europeo ameaza con atrasar a súa aprobación.

"Creceu a miña preocupación de que, co axitado debate sobre o mecanismo de Estado de dereito na UE e entre os estados membros do Consello, estamos a ir cada vez máis cara a un bloqueo no conxunto das negociacións orzamentarias", dixo o embaixador alemán ante a UE, Michael Clauss, que encabezou hoxe as negociacións.

Engadiu que "o máis probable é que xa sexan inevitables atrasos con consecuencias para a recuperación económica europea".

A proposta de Berlín prevé que se poidan sancionar coa suspensión ou redución de fondos europeos as violacións dos principios do Estado de dereito que afecten dun modo suficientemente directo á boa xestión do orzamento da UE ou os intereses financeiros da mesma.

A sanción sería proposta pola Comisión Europea e tería que ser aprobada por unha maioría cualificada de estados membros (15 países que representen ao 65 % da poboación), tras dar ao país afectado a oportunidade de pronunciarse.

Noticias web

30/09/2020