CRTVG

Buscar

A UE acepta crear un fondo de recuperación da crise do coronavirus

Publicado o 23/04/2020 19:59

• Non hai acordo aínda de financiamento. España e os países do sur reclaman subvencións para non elevar a débeda, pero no norte apostan por créditos

• O plan de axuda urxente a Estados, pemes e traballadores estará listo o 1 de xuño


Os líderes da Unión Europea (UE) encargaron este xoves á Comisión Europea (CE) que presente unha proposta para un fondo de recuperación ligado ao futuro orzamento comunitario co fin de relanzar a economía tras a pandemia de coronavirus, aínda que non pactaron os detalles deste. "Acordamos establecer un fondo de recuperación que é necesario e urxente".

"Este fondo terá unha suficiente magnitude, dirixirase aos sectores e áreas xeográficas máis afectadas e estará dedicado a esta crise sen precedentes", dixo o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, nunha conferencia de prensa tras un cumio telemático.

Con todo, os líderes da UE seguen divididos acerca das principais características desta estratexia. Aínda que parece claro que Bruxelas emitirá bonos para financiar o fondo, o sur e o norte da UE difiren agora na forma en que este diñeiro será transferido aos países: España, Italia ou Portugal, por exemplo, reclaman que sexa a través de subvencións non reembolsables, mentres que Alemaña ou os Países Baixos avogan por préstamos que os socios teñan que devolver.

Sobre esta cuestión, a xefa do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, recoñeceu que existe unha "variedade de opinións", pero garantiu que a proposta final conterá un "equilibrio sólido" entre créditos e trasferencias directas. "Hai vantaxes e inconvenientes en ambos os casos, e intercambiáronse argumentos de forma moi construtiva", sinalou.

España valora os avances

A ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, destacou os avances logrados no Consello Europeo deste xoves para a creación dun fondo de recuperación da crise do coronavirus ligado ao orzamento comunitario, aínda que subliñou que polo de agora non hai consenso sobre como financialo. España defendeu que sexa un fondo "ambicioso" financiado con débeda perpetua que poida distribuírse aos países e sectores máis afectados pola epidemia, explicou González Laya en conferencia de prensa desde A Moncloa.

Na reunión que mantiveron os líderes comunitarios, engadiu, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu ademais que sexa un fondo vinculado ao orzamento, algo sobre o que non hai "consenso completo". Con todo, dixo que houbo avances nese sentido e en relación ao tamaño ou "robustez" do fondo. Nese aspecto, González Laya lembrou que España pedía que estivese dotado con entre 1 e 1,5 billóns de euros e "esa é a zona ao redor da cal gravitou a discusión no Consello".

Onde hai menos converxencia entre os Estados membros é en relación ao financiamento do devandito mecanismo, xa que algúns países optan por transferencias, outros por préstamos ou por unha mestura. A ministra explicou que España, xunto a outros socios comunitarios, defendeu as transferencias por tres razóns: para evitar máis débeda, para garantir a solidariedade na familia europea e para garantir tamén o funcionamento do mercado interior. 

González Laya incidiu en que España aposta por afrontar esta crise sen entrar no xogo das divisións entre o norte e o sur de Europa porque "estamos todos no mesmo barco" e "a nosa responsabilidade é asegurarnos de que o barco flota". 

Os xefes de Estado e de Goberno deron luz ao paquete de 540.000 millóns de euros en medidas urxentes para apoiar empresas, traballadores e Estados pactado hai dúas semanas polo Eurogrupo e acordaron que estas estean en marcha o 1 de xuño. 

Noticias web

23/04/2020