A UE acorda as súas cotas de pesca ata xullo, sen melloras para a frota galega
Os ministros de Pesca da Unión Europea (UE) lograron este martes pechar un acordo que permitirá prorrogar ata xullo as posibilidades de pesca para a frota comunitaria nas reservas que comparten co Reino Unido, á vez que proseguen as negociacións con Londres sobre as cotas para 2021.
Portugal, que preside o Consello da UE este semestre, presentou unha proposta de compromiso que foi aceptada polas delegacións.
O comisario europeo de Medio Ambiente e Pesca, Virginijus Sinkevicius, explicou en conferencia de prensa que se tivo en conta sobre todo o asesoramento científico e confiou na "rápida conclusión das negociacións" co Reino Unido para poder fixar as cotas definitivas deste ano.
España amosouse satisfeita co acordo. Segundo fontes diplomáticas, "dá continuidade á actividade da frota, facilítalle á Comisión concluír as negociacións co Reino Unido de xeito inminente e reafirma a unión de todos os estados membros en relación coas negociacións".
As posibilidades de pesca para a frota galega quedan reducidas. Ata xullo só se vai poder pescar o 58 por cento do que recomendaban os científicos para todo o ano. Ademais, esas recomendacións xa se viñan reducindo con respecto ao que se pescaba en 2020 ou anos anteriores. A única salvidade é que se o consumo de certas especies como a pescada, o peixe sapo, a meiga ou o rapante é maior, as frotas poderían aumentar as súas capturas.
Data límite
A finais do pasado ano fixáranse as cotas provisionais para o primeiro trimestre das máis de cen reservas compartidas co Reino Unido, pensando que se pecharían as definitivas antes de finais de marzo. Porén, a dúas semanas da data límite, e malia as cinco roldas de consultas celebradas ata o momento, non semella que ese pacto vaia chegar cedo.
Este luns, a súa chegada á xuntanza de ministros europeos, o titular español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, dixo que apoiaba a proposta presentada por Bruxelas, base do acordo deste martes con "algunha matización".
Galicia lamenta que o acordo non teña en conta os aspectos socieconómicos
A frota galega poderá capturar ata xullo en augas compartidas de Francia, Irlanda ou Gran Bretaña o 58% do total anual que recomendan os científicos.Iso supón cantidades menores que as de 2020 ou anos anteriores. En especies tan importantes como a pescada, rape, lirio ou meigas e rapantes. A preguntas de Televisión de Galicia, o ministro de Pesca, Luís Planas, nega que as frotas vaian perder capturas.
En Bruxelas, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantén a cautela ata ver se finalmente se teñen en conta a sostibilidade económica e social do sector. Pero si cre que os pescadores galegos terán menos capturas.
Quintana lamenta que o acordo provisional non teñan en conta os aspectos socioeconómicos. Aínda que ve "positivo" que se poida pescar ata o 31 de xullo, avisa de que hai que ser "cautos" sobre as posibilidades de pesca para o global do ano, pois polo momento "só teñen en conta os criterios científicos".
Galicia defenderá que a Comisión Europea teña en conta manter o equilibrio entre os aspectos ambientais, económicos e sociais, pois opina que tan só se priman os aspectos científicos. Unha cuestión que supón, polo momento, un axuste nas principais especies de interese galego.
Por iso, o Goberno galego tende a man ao Ministerio de Pesca para traballar nunha liña estratéxica de defensa do sector na recta final da negociación entre a UE e o Reino Unido.