A UE abrirá as fronteiras a 15 países, mentres mantén o veto a Estados Unidos, O Brasil ou Rusia
A Unión Europea apura a reapertura de fronteiras, prevista para mañá.
Polo que se sabe ata agora, na lista de vetados están países como os Estados Unidos, O Brasil ou Rusia.
A outra lista, a de lugares aos que Europa lles abre as fronteiras, inclúe 15 estados, entre eles Marrocos, Alxeria, Uruguai, Canadá e incluso China, á espera de que o xigante asiático confirme a reciprocidade.
Precisamente a reciprocidade e os criterios epidemiolóxicos eran os dous piares en que se sustentaba a selección, pero non se aplicaron a todos por igual. Este debate causou unha gran tensión entre os socios europeos, cos intereses nacionais e o temor á pandemia marcando as diferentes posicións. E é que se procura reducir o risco, pero segue aí, e a ollada está posta nos controis aeroportuarios.
As restricións non se aplican a Dinamarca e Irlanda, por teren un estatus especial. Os nacionais do Reino Unido serán tratados como europeos ata que remate o período de transición do brexit.
O texto debería ser ratificado polos vinte e sete antes deste mediodía. Con todo, é unha recomendación, que mantén de facto o veto a máis de 150 estados. Pero ten un obxectivo claro: evitar unha reapertura caótica do espazo Schengen.