A UDEF rexistra a factoría coruñesa da antiga Alcoa por orde da Audiencia Nacional
Axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía Nacional e inspectores de Traballo accederon ás nove da mañá á fábrica de Alu Ibérica no polígono da Grela. O obxectivo era recadar información nas oficinas centrais para investigar os detalles da venda de Alcoa, anterior propietaria da planta.
Fano por orde da Audiencia Nacional, que admitiu a trámite en decembro a querela presentada pola Confederación de Cadros e Profesionais. Acusan a multinacional estadounidense de estafa, insolvencia punible e apropiación indebida, entroutros delitos. O comité de empresa cre que estes pasos son esperanzadores.
Juan Carlos Álvarez Corbacho, presidente do comité de empresa de Alu Ibérica: "Que esixan responsabilidades a todas as empresas implicadas neste engano, e manter a actividade na planta para garantir a actividade industrial a futuro".
En 2018 Alcoa anunciou a súa decisión de pechar as plantas da Coruña e Avilés, e iniciou un despedimento colectivo. Meses despois vendíalle as factorías ao fondo de investimento suízo Parter Capital, que non tardou en desfacerse delas para revenderllas á actual Alu Ibérica. A xuíza María Tardón quere comprobar se foi unha despatrimonialización fraudulenta.