CRTVG

Buscar

A UDC participa nun proxecto europeo para analizar o futuro socioeconómico das Pontes

Publicado o 05/05/2020 20:25

Europa está inmersa na transición enerxética para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. Xorde por isto o proxecto Entrances, que ten como obxectivo fundamental elaborar un coñecemento detallado sobre os aspectos sociais relacionados coa transición enerxética cara a unha enerxía limpa. Realízase en doce zonas europeas onde hai unha maior explotación do carbón. Unha delas é a comarca das Pontes. Os reponsables deste estudo, liderados neste caso pola Universidade da Coruña, cren que As Pontes ten un gran futuro socioeconómico cando a térmica de Endesa peche definitivamente. A comarca pode seguir sendo competitiva, din, no contexto económico galego

 "Porque As Pontes está situado estratexicamente, que é unha plataforma ideal para conectar co continente americano, é o punto máis occidental e debe desfrutar desa vantaxe, ao mesmo tempo está ben situado no corredor Atlántico", di Ricardo García Mira.

Un dos aspectos en que se vai centrar este estudo é no papel da muller, e para isto toman como experiencia a transición enerxética que se produciu no País de Gales tras a crise do sector mineiro. A dimensión de xénero, apuntan os investigadores, é moi relevante e proporciona novas ideas

 "Dende logo o que apendemos da transición enerxética que se produciu no País de Gales pois foi precisamente iso, que cando ninguén sospeitaba que a dimensión de xénero podía ser relevante, pois aparecen empregos vencellados á muller vencellados ao traballo feminino", afirma Ricardo García Mira.

Os investigadores da Universidade da Coruña van contar para este proxecto con outros axentes, entre eles concellos, empresas, sindicatos e mesmo con asociacións ecoloxistas.

Noticias web

05/05/2020