A UCI do novo Montecelo será de portas abertas á familia do doente
Dúas mil catrocentas enquisas resumen as preocupacións de doentes e potenciais usuarios do novo Hospital Montecelo de Pontevedra: a accesibilidade, a mobilidade, a sinalización e o benestar dos acompañantes. O deseño do novo centro busca darlles resposta.
"Cambian a configuración do que tradicionalmente era o espazo hospitalario, dando unha visión como máis social, de máis relación entre os pacientes entre si e dunha relación constante entre estes e os familiares", explica o xerente da área sanitaria en Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez.
A área maternoinfantil será un espazo integrado con pediatría. A UCI, de portas abertas.
"Contará para estes ámbitos de pacientes críticos dun espazo específico para descanso nocturno de acompañantes e dun espazo específico para hixiene", di o xerente da área sanitaria en Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez.
O modelo aposta por unha atención asistencial en que prime a relación cos pacientes e as súas familias.