CRTVG

Buscar

A TVG ofrece o único debate entre os seis candidatos a presidir a Comisión Europea

Publicado o 15/05/2019 18:06
A TVG ofrece o único debate entre os seis candidatos a presidir a Comisión Europea

A Televisión de Galicia ofrece esta noite, a partir das 21.00 horas, pola súa segunda canle e a través de crtvg.gal o único debate entre os seis candidatos a presidir a Comisión Europea, de acordo co Plan de cobertura electoral.

O hemiciclo do Parlamento Europeo en Bruxelas converterase nun grande estudio de televisión, en que durante 90 minutos se debaterán as principais propostas das formacións que aspiran a dirixir a Eurocámara os próximos cinco anos.

Para a súa transmisión, a canle pública contará con tres tradutores simultáneos a galego, de francés, inglés e alemán. 

Neste debate intervirán o francés Nico Cué (Partido da Esquerda Europea), a alemá Ska Keller (Partido Verde Europeo), o checo Jan Zahradil (Alianza de Conservadores e Reformistas de Europa), a danesa Margrethe Vestager (Alianza dos Liberais e Demócratas por Europa), o alemán Manfred Weber (Partido Popular Europeo) e o holandés Frans Timmermans (Partido Socialista Europeo).

Moderado polo xornalista alemán Markus Preiss, a francesa Tran Nguyen e a finlandesa Annastiina Heikkilä, o debate estruturarase en tres grandes bloques temáticos: A miña Europa: que me ofrece?, Medio Natural e Os nosos valores e o mundo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí