O 44% dos galegos elixiron a TVG para seguir a xornada electoral
Moitos espectadores elixiron esta canle durante a xornada electoral e, grazas a eles, foi líder de audiencia en Galicia.
Cunha cota media do 19,2% en todo o día, superou en case sete puntos o seu inmediato competidor, Tele 5, e en máis de nove ao seguinte, mentres que os restantes acadaron valores medios moi inferiores.
Na faixa do prime time, a TVG tivo unha cota do 28,8 % e superou en 15 puntos a seguinte canle, a Sexta, e en máis de 16 a Tele 5.
Hoxe temos que darlles as grazas porque a Televisión de Galicia foi líder de audiencia na xornada electoral. Tivo unha cota superior ao 19 % no conxunto do día e achegouse ao 29 % na faixa de prime time.
En todo o día, esta casa tivo unha audiencia dun millón cento cincuenta e seis mil espectadores, máis do 44 % dos galegos. O minuto de ouro foi preto das once da noite. Daquela miraron a Galega 459.000 espectadores, o que equivale a unha cota do 40,5 %.
Entre as autonómicas, a Televisión de Galicia acadou unha audiencia superior ao 34 % nos programas máis vistos, o que a sitúa por riba das outras canles.
Tamén aumentou o seguimento da xornada na web. Medrou de xeito considerable o número de visitas, de usuarios e de páxinas vistas respecto das eleccións xerais pasadas.