CRTVG

Buscar

A tromba de auga máis intensa da súa historia colapsa Valladolid

Publicado o 18/09/2019 14:27

A gota fría desprazouse esta noite a Valladolid. O vento e unha torrencial tromba de auga provocaron inundacións en rúas e túneles e numerosos danos. Os servizos de emerxencias rexistraron 150 incidencias, e a esta hora a cidade recupérase do caos.

As rúas de Valladolid parecían ríos despois de que caeran 20 litros de auga por metro cadrado en dez minutos, os máis intensos dunha tormenta que durou desde as nove e vinte ata as dez e media da noite. A tromba, a máis intensa da historia da cidade, deixou asolagados túneles, rúas, comerciais, vivendas e garaxes. As perdas materiais, aínda sen avaliar, prevense cuantiosas.

"Na rúa Platerías acabamos de estar, e todos os locais desde a metade da rúa estaban inundados. Aquí imaxino que os baixos, o hotel, esta casa e as seguintes, estarán na mesma situación", dixo Antonio Otero, concelleiro de Saúde Pública e Seguridade Cidadá.

"Temos moitísima informática porque un scrib son todo cámaras, ordenadores, micros, e todo o que é o atrezzo e a decoración. E aínda non sabemos o que se estropeou porque non puidemos pasar da entrada", explicou unha afectada.

Os bombeiros recibiron centos de chamadas durante a noite e o servizo de emerxencias rexistrou máis 130 incidencias na cidade.

A Policía Local tivo que pechar túneles asolagados e tramos de estradas, e o tráfico non recuperou a normalidade ata esta mañá.

Malia que o vento tirou árbores e farois e algúns coches quedaron atrapados, non houbo feridos.

A gota fría afectou outras localidades da comunidade de Castela e León, onde se rexistraron en total 150 incidencias.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/09/2019