CRTVG

Buscar

A tripulación do Adviento Uno, afeita ás longas mareas, leva como pode o confinamento en Burela

Publicado o 23/11/2020 14:34

Logo de oito días confinados no barco e nunha zona do peirao reservada para eles, os tripulantes do Adviento Uno xa comezan a estar fartos das rutinas e, sobre todo, de non ter nada que facer e non poder sair do lugar. A súa situación sanitaria é boan e tan só algún mariñeiro presenta síntomas leves de coronavirus ou mesmo de gripe común.

Un dos seus compañeiros foi trasladado a terra ao empeorar a súa situación pero non foi preciso ingresalo na UCI. Pasado mañá vanse realizar novas probas PCR a toda a tripulación e algúns deles poderían xa abandonar o barco.

"Estamos ben. Hai algúns síntomas, como ir moito ao baño ou dificultades para respirar. En fin, estamos un pouco como calquera confinado que estea nun piso", di Luis Ramos, tripulante do Adviento Uno.

A situación a bordo é moi semellante á que viven cando están en alta mar. Os 16 tripulantes ocupan cadansúa cama, comen no comedor habitual e utilizan o aseo comunitario. A úncia diferenza é que no canto de andar á captura do peixe aproveitan as numerosas horas libres para facer exercicio pola zona que teñen reservada no peirao. Dispor de televisión e Internet tamén fai máis levadío o confinamento na embarcación.

"O que precisamos xa o traen os armadores e polo espazo non hai problema porque é onde estamos todo o ano no mar. Hoxe tomamos o sol porque fai bon día".

Algúns mariñeiros amosaron a súa vontade de pasar o confinamento nos seus domicilios pero polo de agora esa opción non se levou a cabo. No porto de Burela xa se produciron outros dous casos de barcos illados por causa do coronavirus.

Noticias web

23/11/2020