CRTVG

Buscar

O Comité de Empresa de Alcoa informa en asemblea da negativa a avalar a venda das plantas da Coruña e Avilés

Publicado o 27/06/2019 08:57

Os traballadores resístense a asinar o acordo co fondo suízo. Cando faltan tres días para que as factorías pechen as portas aínda continúa o tirapuxa entre Alcoa e os representantes dos traballadores.  

O comité de empresa de Alcoa na Coruña informa este xoves en asemblea aos traballadores da súa negativa por agora a avalar a venda das plantas coruñesa e de Avilés ao fondo suízo Parter. En concreto, precisa que "o achegamento non foi posible pola espantada das administracións públicas, que, chegado o momento de tomar decisións e dar garantías para o emprego e a continuidade das fábricas, desaparecen".

"Xa non se acordan do comprometido na súa declaración institucional de xaneiro", critica.

Despois de coñecer en detalle o plan industrial do fondo suízo, o martes, os sindicatos reuníronse este mércores de novo coa empresa, encontro do que saíron manifestando que non foi "posible o achegamento entre as dúas partes".  

A multinacional do aluminio busca a "conformidade" dos representantes dos cadros co preacordo que xa subscribiu con Parter. Neste escenario, e co prazo previsto que termina este domingo día 30, Alcoa e os comités de empresa volveranse a reunir este venres "para continuar co debate".

Parter trasladou a súa vontade de dedicarse á produción de aluminio de alto valor engadido e o seu interese por permanecer máis alá de dous anos, pero os traballadores queren garantías.

Noticias web

27/06/2019