CRTVG

Buscar

A orixe da arma será chave na investigación do triplo crime machista de Valga

Publicado o 19/09/2019 14:14

Saber como, cando e onde José Luis Abet adquiriu a arma coa que matou a súa ex-muller, a nai desta e a irmá pequena é unha das indagacións principais dos investigadores do triplo crime de Valga. Porque incorporar ao sumario a trazabilidade deste revólver de calibre 32 posibilitaría a consideración dos feitos como asasinato e non como homicidio, e iso podería supor a máxima pena privativa de liberdade en España, a prisión permanente revisable. Trátase dunha arma "nova e sen numeración, adquirida de forma supostamente ilegal porque non tiña permiso de armas", segundo confirmaba hoxe o delegado do Goberno, Javier Losada.

Un equipo de expertos obtivo onte o testemuño dos dous fillos menores de idade que tiña a vítima co seu ex-marido e autor confeso do triplo crime. A declaración dos pequenos de catro e sete anos de idade, testemuños do sucedido, pode incorporarse como proba de cargo preconstituída e evitarlles así ter que revivilo no futuro durante o xuízo.

O seu pai xa ten suspendida a patria potestade por decisión da xuíza, que decidirá tamén sobre a tutela ou no seu caso, o acollemento provisional dos cativos, actualmente ao coidado da familia materna.

En defensa destes nenos, a Fundación Amigos de Galicia xa presentou o seu escrito para presentarse como acusación popular. A familia das tres vítimas e dos cativos podería tamén exercer a acusación particular, ademais da acusación pública que desempeña a fiscalía.

José Luis Abet permanece na prisión da Lama e o habitual nun caso destas características é aplicarlle o protocolo de prevención de suicidios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/09/2019