CRTVG

Buscar

A travesía do Pottoka inspírase na volta ao mundo de Magalláns e Elcano

Publicado o 21/09/2019 21:51

O Pottoka partiu do porto de Guetaria o quince de setembro cun ronsel de coñecemento inspirado na primeira circunnavegación, naquela primeira volta ao mundo que fixeron posible Magalláns e Elcano. O veleiro completou a súa primeira etapa e xa está amarrado no porto da Coruña. Jon Irurzun é o director da Fundación Elkano: "Cremos que as novas referencias humanas, xeográficas e culturais trouxeron novos modos de entender o mundo. Queremos abrir espazos de reflexión ao redor de catro áreas que falan da proximidade do pobo co mar, da cultura e o mar, do coidado do mar e da mundialización". 

Haberá tres etapas máis ata chegar a Sevilla, último destino desta travesía. En cada unha delas, unha nova tripulación, ecléctica e diversa para achegar visións diferentes que enriquecerán este proxecto que impulsa a Fundación Elkano. "O interesante era unirnos dentro dunha tripulación dun barco de espazo reducido, reflexionar e saber que todos servimos para unha visión global, por moi diferente que sexamos", explica Unai Basurko, capitán do veleiro. A tripulante Ana de Lara conta que: "Fixemos un censo de cetáceos, collemos mostras de plancto, documentamos os plásticos e o lixo que atopamos... É unha maneira de mostrar o que está acontecendo no mar Cantábrico". 

O Pottoka tiña previsto partir o próximo luns, pero os prognósticos meteorolóxicos anuncian unha fronte adversa que podería atrasar un par de días a partida rumbo a Cascais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/09/2019