CRTVG

Buscar

A Toxa será durante tres días epicentro do debate político e económico

Publicado o 03/10/2019 19:40

A illa da Toxa é dende hoxe e ata o sábado unha referencia internacional de reflexión política e económica. A iniciativa está impulsada polo chantadino Amancio López Seijas, propietario do grupo hoteleiro Hotusa, que a define coma un foro de excelencia e pluralidade, e presidida polo ex-ministro Josep Piqué. Ao Foro, que inaugurou o rei esta tarde, xunto co organizador e mailo presidente da Xunta, acoden unha vintena de relatores que analizarán os desafíos das sociedades democráticas actuais.

Un dos encontros que xera máis expectación é o que mañá van manter Felipe González e Mariano Rajoy. Un debate público entre dous ex-presidentes sobre o presente e o futuro de España, ás portas dunhas novas eleccións e coa ameaza de desafíos como Cataluña, o brexit ou a desa celeración económica. Tamén contará coa perspectiva do sector empresarial, con Pablo Isla, Juan Carlos Escotet ou José María Álvarez-Pallete, e Antón Costas, galego que preside o Círculo de Economía de Barcelona. E acudirán representantes da ONU, a Unión Europea o a Secretaria xeral Iberoamericana.

O presidente do Goberno en funcións pechará o sábado este Foro La Toja-Vínculo Atlántico, que situará esta illa do Grove como a capital internacional do debate. Non é a primeira ocasión: hai 30 anos o Gran Hotel xa acolleu unha reunión do Club Bilderberg, a cita anual das persoas máis influentes do mundo, que daquela trouxo á Toxa apelidos como Kissinger ou Rockefeller.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2019