A tormenta tropical Sally avanza cara ao norte e causa graves inundacións no sur dos EUA
Sally tocou terra como furacán e debilitouse para converterse en tormenta tropical. Ao seu paso deixou imaxes coma esta: barcos na beiravía da estrada.
Segundo o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos, os refachos de vento chegaron a 165 quilómetros por hora. Causaron danos en edificacións e a caída de árbores na Florida e Alabama.
"Tiven medo, alégrome de que todo rematara, grazas a Deus que estamos vivos. De verdade", di unha veciña dunha das zonas afectadas.
A chuvia caeu con moita intensidade e provocou enchentes que obrigaron a pechar algunhas vías de comunicación e anegaron casas e negocios.
O dono dun salón de peiteado di que "foi inesperado e non foron quen de tomar os medios necesarios para prepararse. E tal e como o ves aquí, non estabamos totalmente preparados".
Os cortes de subministración eléctrica afectáronlles a miles de clientes en Alabama, A Florida e Mississippi.
Agora, a tormenta tropical Sally continúa o seu percorrido cara ao norte do país, onde xa están en alerta.