CRTVG

Buscar

A Terceira galega recuperou cinco partidos que foran aprazados pola covid

Publicado o 17/02/2021 22:18
A Terceira galega recuperou cinco partidos que foran aprazados pola covid

Cinco partidos que no seu día foran adiados pola covid recuperáronse na xornada do mércores na Terceira galega. 

Bergantiños 2-0 Arzúa. O Bergantiños é o novo líder do subgrupo Norte logo de gañarlle por 2-0 ao Arzúa. Os dous tantos marcounos no segundo tempo o alacantino Alejandro Tarí. 

As Pontes 1-1 Rácing Vilalbés. O cadro das Pontes empatou no último minuto grazas a un gol de Adrián Martínez. O Rácing adiantouse cun tanto de Jose Varela pero co empate dá un paso atrás nas súas aspiracións por meterse entre os tres primeiros. 

Fisterra 1-1 Polvorín. Os dous goles do partido chegaron no engadido. José Marcote no 91 marcou para o Fisterra, pero no 94 Antón Escobar empatou para manter ao Polvorín entre os tres primeiros.

Barco 0-1 U. D. Ourense. Importante vitoria da UD Ourense que consegue meterse entre os seis mellores clasificados co gol de Champi no campo do Barco. 

Ribadumia 1-0 Atios. Dous equipos moi necesitados de triunfos para saír dos postos de perigo. Valeu o gol de Cerqueiras aos dous minutos de partido. O Ribadumia aguantou con dez todo o segundo tempo.