CRTVG

Buscar

A terapia Loovas usa a análise da conduta aplicada para superar o autismo

Publicado o 02/04/2018 13:21

Un diagnóstico de autismo nun neno é un lategazo. A vida dunha familia cambia radicalmente. Afortunadamente, hai profesionais dedicados a explicalo e minimizalo con terapias que poden chegar, din, á integración total do individuo diagnosticado. Algúns pais galegos están a intentalo co único método probado cientificamente ata o momento, o método Loovas, baseado na Análise de Comportamento Aplicada, que nos chega dos Estados Unidos. 

Mateo está na clase, unha moi divertida, polo que parece! Ademais é na súa casa e con varios profesores só para el. Pero non é unha clase de estudar, é unha clase de comportamento e habilidades sociais porque Mateo, este pequeno tan alegre e sorrinte, é autista.

Laura Fernández, nai de Mateo, de 5 anos, cóntanos o susto que levaron cando lle diagnosticaron autismo aos tres anos. Máis de mil familias galegas están na mesma situación, segundo datos da Federación de Autismo de Galicia, que observou en 2016 un aumento dos casos. Laura aconsella contalo e buscar apoios desde o primeiro momento.

As familias afrontan o descoñecemento xeral dos trastornos do espectro autista e acoden ás asociacións especializadas ou buscan máis aló. Nesta busca, Laura atopou o método Loovas, desenvolvido nos anos 50 por Ivar Loovas, un psicólogo clínico considerado un dos pais da terapia de Análise de Conduta Aplicada para o autismo, a única terapia do mundo co aval de estudos científicos, que actualmente desenvolve o seu fillo Eric desde os Estados Unidos e, tamén, desde un dos seus centros radicado en Madrid.

Eric Loovas explica que o seu pai publicou en 1987 un artigo no que demostraba que a metade dos nenos aos que se lles realizaba unha intervención intensiva no comportamento desde moi nenos, o método Loovas, esa metade podía chegar a recuperarse do autismo. O 47 por cento chegou a ser neurotípico e superou o diagnóstico do autismo, foi á escola, fixo amigos e conseguiu traballo. Ao principio, conta, é un método duro, cómpre ser inflexible, pero a medida que os rapaces adquiren habilidades faise máis flexible e a terapia trasládase do fogar a outros lugares como a escola.

Leo, con dous anos e medio, ten atraso na linguaxe e aínda que non ten diagnose de autismo, os seus pais decidiron aplicar con el esta mesma terapia que lles foi moi ben co seu irmán Nicolás, de 6 anos, que si é autista. Javier Martínez, pai de Leo e Nicolás, relata os duros principios da terapia pero despois os avances son incribles. Di que, de non explicar nada, agora Nico xa lles conta o que come, con quen vai e todos os miúdos do tempo que non pasa con eles.

Laura asegura que o seu fillo conseguiu conectar co resto e participa na clase porque coa terapia Loovas xa sabe como ensinarlle e Mateo cada vez quere máis.Javier e a parella combinan as quendas de traballo para rotarse e aplicar o aprendido nos talleres con Leo e Nicolás. Porque unha das premisas do método é formar os que rodean o autista na propia casa, nuns talleres personalizados aos que acoden familia, terapeutas e mesmo profesores interesados en aprender, unha vez cada dous meses con Eric presente e logo xa cada un pon en práctica o aprendido na súa parcela.

Eric Loovas asegura que está probado que as terapias que se fan no fogar obteñen mellores resultados porque son os pais os que aprenden tamén a coidar dos fillos, punto que corroboran Laura e Javier.

Os pais de nenos autistas e as asociacións conseguiron que nalgúns estados norteamericanos a terapia Loovas estea subvencionada para tratar de minimizar o que está considerado como o máis xenético dos trastornos neuropsiquiátricos da infancia.

Noticias web

02/04/2018

Máis sobre actualidade