CRTVG

Buscar

A telefonía móbil rebate a versión do Chicle

Publicado o 21/11/2019 09:01

Os investigadores que compareceron onte relataron como durante meses foron pechando o cerco arredor do Chicle. As súas declaracións e probas tiraron por terra a versión que o acusado dera na súa comparecencia xudicial. Primeiro, a telefonía móbil, que foi clave. O sistema GPS e as redes wifi van marcando con precisión os itinerarios tanto de Diana Quer coma de Enrique Abuín a madrugada do 22 de agosto de 2016.

Durante 14 minutos, a moza enviou 123 mensaxes a dous amigos de Madrid. Está conectada á rede continuamente, que a sitúa no cruzamento entre o paseo do Areal e a rúa Venecia.

"Está de maneira indubidable nesa zona, e non pode estar noutra", declararon os axentes do Grupo de Apoio Técnico Operativo da Garda Civil. 

É nese punto, arredor das tres menos cuarto, onde o móbil de Diana rexistra unha chamada infrutuosa e empeza a lanzar sinais erráticos. Os técnicos cren que foi alí onde se produciu o ataque do Chicle.

"Estanse pulsando teclas de xeito errático e, ademais, o terminal está sendo obstruído por algo, pode ser un corpo, ir dentro dun vehículo. Á vez que se manipula o teléfono, está sendo ocultado".

A telefonía móbil sitúa, por tanto, o asalto nun lugar distinto do que dixera o Chicle, que declarara que ela entrara na calella da rúa Venecia, paralela ao paseo.

"Eu vina na entrada da rúa Venecia, encontreime con ela aí", declarara Abuín o 12 de novembro. 

Pero o xeoposicionamento do móbil de Dina nega que estivese aí. A partir do punto onde cren de xeito irrefutable que foi o asalto, o teléfono de Diana marca posicións moi rápidas, compatibles, din, cun recorrido nun vehículo. Nese mesmo coche ía tamén o móbil de Enrique Abuín. Van cara a Rianxo. O teléfono de Diana perde a conexión en Taragoña, cando o Chicle o tira ao mar. Pero o de Abuín segue ata a nave de Asados.

"Está ás 3.09 na nave, sen xénero de dúbida".

O Chicle estivo na nave de Asados, como mínimo, unha hora e 21 minutos. El negárao.

"Eu ás tres e cuarto estaba na miña casa", declarara.

Cando volve detido pola Garda Civil, en decembro de 2017, Abuín móstrase reticente a achegarse ao pozo. Di que viu o cadáver cando o foi fondear, supostamente días despois.

"Non quere avanzar. Di que está nunha arqueta e que non quere ir porque ten gravada a cara da nena porque volveu aqui para ver e fondeala", declarou o inspector Hidalgo, da Unidade de Homicidios, Secuestros e Extorsións da UCO. 

Que volvera fondear o cadáver xa o revelaran as análises entomolóxicas.
A de hoxe vai ser a sesión clave en que os forenses que realizaron a autopsia ao cadáver de Diana revelen se hai ou non probas dunha agresión sexual, que determinará o futuro procesual do Chicle.

Noticias web

21/11/2019