CRTVG

Buscar

A teleasistencia da Cruz vermella permite un contacto continuo e o acompañamento aos maiores que viven sós

Publicado o 31/07/2019 10:49

Cada ano medra en Galicia o número de persoas maiores que viven soas. 129.000 de máis de 65 anos, segundo os últimos datos do INE. Dende os concellos e dende Cruz Vermella lembran que ofrecen servizos de vixilancia e acompañamento para esta xente. 

En menos dunha semana descubriron nas súas vivendas catro persoas mortas que levaban días sen que ninguén as botase de menos. 

Plácida é viúva e sen fillos. Vive soa e ten 90 anos. Faille compaña un xílgaro. Malia que non ten de familia máis ca unha sobriña, séntese segura porque conta con teleasistencia domiciliaria que lle permite estar en continuo contacto coa Cruz Vermella por se tivese algún problema.

A teleasistencia é só un dos servizos que dende os concellos e dende a Cruz Vermella ofrecen aos maiores para evitar situacións de risco. Axuda domiciliaria e acompañamento de voluntarios son outras das opcións.

En sociedades cada vez máis individualistas, as redes de apoio minguan, por iso recomendan, tamén, en caso de non ter familia que o coide, contactar con algún veciño ou persoa de confianza para que mire por vostede.

Noticias web

31/07/2019