CRTVG

Buscar

O Goberno de Maduro sanciona a aeroliña portuguesa TAP por levar a Juan Guaidó

Publicado o 18/02/2020 08:47

O Goberno de Maduro sanciona a aeroliña portuguesa TAP por levar a Juan Guaidó. Di que viaxaba con nome falso. Guaidó négao.

Venezuela suspendeu onte por 90 días as operacións da liña aérea portuguesa TAP no país, tras acusala de permitir viaxar con explosivos a un tío do líder opositor Juan Guaidó. Ademais, as autoridades aeronáuticas abriron un "proceso administrativo" contra TAP que podería derivar en "multas, suspensións temporais ou, segundo avancen as investigacións, chegar mesmo á suspensión permanente" dos seus voos no país.

A liña aérea portuguesa TAP dixo que non comprende as razóns polas que o Goberno venezolano suspendeu durante 90 días as súas operacións no país e asegurou que cumpre todos os requisitos legais e de seguridade que esixen as autoridades.

"TAP non comprende as razóns desta suspensión (...), xa que cumpre todos os requisitos legais e de seguridade esixidos polas autoridades de ambos os países. É unha medida  gravosa que prexudica os nosos pasaxeiros", sinalou a EFE unha fonte oficial da liña aérea.

A compañía "non tivo nin sequera a posibilidade de exercer o principio de contradición" ante a medida de suspensión, referiu a mesma fonte.

O Goberno venezolano anunciou este luns a suspensión por 90 días das operacións no país de TAP "en resgardo da seguridade" e tras a apertura dunha investigación polo presunto ingreso de explosivos nun voo desta empresa.

As investigacións refírense a presuntos fallos na seguridade no voo TP173, que chegou a Caracas procedente de Lisboa o pasado martes. Nel viaxaban o líder opositor Juan  Guaidó -a quen máis de 50 países recoñecen como presidente interino- e o seu tío, Juan José Márquez.

O Goberno de Nicolás Maduro dixo ese mesmo día que o tío de Guaidó, a quen apresou, transportou nese voo explosivos sintéticos, chalecos antibalas non declarados e un plan, redactado en inglés, para cometer atentados no país.