A superación de Hugo Rama: de suplente no Fabril a goleador no Lugo
A historia de Hugo Rama é curiosa. Un xogador polo que apostou o Celta desde moi cativo e que decidiu deixar A Madroa no segundo ano como xuvenil para xogar no seu Sigüeiro natal.
Despois pasou á disciplina do Deportivo no último ano de xuvenís. Considerado un dos grandes talentos de Abegondo, Hugo Rama non acabou de triunfar no Fabril e dar así o salto ao Deportivo. De feito na temporada 2016-17 a participación de Rama o ano do ascenso foi escasa, con só 8 titularidades e á sombra doutros xogadores nos que confiou máis Cristóbal Parralo.
Por Hugo apostou o Lugo que o cedeu ao Cerceda. No aspecto colectivo as cousas non foron ben pero permitiulle gañar minutos e peso nun equipo de Segunda B. Seguramente para el foi un ano determinante no seu crecemento deportivo, algo que referendou na 18-19 cando se converteu nunha peza chave no ascenso do Mirandés á Segunda A.
Unha grave lesión na fase de ascenso co Mirandés impediu ver o mellor Rama no seu primeiro ano coa camisola do Lugo, pero esta temporada sí está a aparecer. Son tres goles os que achegou e é un dos imprescindibles para Nafti.