CRTVG

Buscar

A sucesión de xeadas dispara a venda de roupa de abrigo e de estufas e calefactores

Publicado o 13/01/2021 14:46

As principais vilas do sur da provincia de Lugo rexistraron temperaturas mínimas de ata sete graos baixo cero. Foi o caso de Monforte, onde o estanque do parque dos Condes amenceu xeado. Como resultado do intenso frío destas xornadas, disparouse o consumo enerxético e aumentaron as vendas de calefactores, ata o punto de que está a haber problemas de abastecemento.

"As estufas de butano son o produto estrela, polo consumo. É máis económico e agora veñen con moita seguridade, pois se apagan cando non hai osíxeno ou cando teñen fuga. E despois, radiadores, calefactores pequeniños, de 12 ou 14 euros, ou as estufas halóxenas de barra, que xa quedamos onte sen elas. Estou esperando que veña o camión, porque se non, non temos dispoñibilidade de moito xa", di Diego Bayo, vendedor de electrodomésticos.

"As calefaccións tiran moito, xa de mañá cedo, pero é o que nos queda". "Na calefacción si que gasto. Téñoa día e noite, e gasto", comentan varias veciñas.

Co fin de combater o frío, aumentaron ademais as vendas de roupa de abrigo. Tanto é así que tamén se rexistrou un certo desabastecemento nas tendas especializadas.

"Estamos desabastecidos totalmente de camisetas, pantalóns térmicos, de guantes, de gorros, de manoplas... Non os damos conseguido. Acabáronse aquí e os distribuidores non nos serven. O frío aperta moito aquí en Monforte e non hai mercadoría para todos", explica Alfonso Losada, encargado dunha tenda de roupa.

"Nós non somos de aquí, de Monforte. Viñemos traballar aquí. Pero xa viñemos preparados porque xa sabiamos o que había", sinala un visitante.

No caso particular de Monforte, a néboa fai que a sensación térmica sexa de aínda máis frío.

Noticias web

13/01/2021