CRTVG

Buscar

A suba dos prezos anticipa unha costa de setembro empinada coa volta ao cole

Publicado o 30/08/2021 15:28

Segue subindo a luz, os combustibles marcaron en xullo máximos históricos, e a cesta da compra tamén é máis cara cada ano. Preparando a volta ao cole, as familias galegas enfróntanse este ano ao setembro máis caro das últimas dúas décadas. Xa neste mes de xullo os servizos e produtos de consumo nos fogares galegos pagáronse un 3,5 por cento máis ca en xullo do ano pasado e, polos datos provisionais de agosto, a previsión é que este mes aínda suban catro ou cinco décimas máis.

Nesa suba ten moito peso a escalada dos prezos da luz, pero tamén é certo que soben outros produtos básicos coma o combustible ou a alimentación. Así as cousas, a volta á normalidade en setembro, despois das vacacións, prevese máis costa arriba ca nunca.

Do que máis se fala é da suba da luz. Por iso dende a OCU xa falan dunha dobre factura: esa que pagaremos pola luz, e o que pagaremos de máis polo resto de produtos e servizos.

"Dobre factura, os consumidores pagaremos máis pola electricidade, e pagaremos máis por encher o depósito, pero é que ademais eses custos enerxéticos trasládanse ao resto de bens e servizos, un exemplo é a alimentación, que subiu un 1,5 por cento, e outro os alugueiros, que están indexados ao IPC", di Enrique García, voceiro da asociaicón de consumidores.

Encher a cesta da compra é hoxe case un sete por cento máis caro que hai cinco anos. Todo suma ás portas do mes setembro, que xa é un mes de moito gasto para as familias.

Os prezos de roupa e calzado mantéñense máis estables, pero coa suba da luz, dos combustibles e dos alimentos, a costa de setembro prevése máis empinada este ano.

Noticias web

30/08/2021