CRTVG

Buscar

A suba das temperaturas nesta época non axuda para a matanza tradicional

Publicado o 06/12/2018 12:30

A ponte de decembro é o momento en que se concentran a maioría das matanzas de cochos no rural galego. Desta volta, o calendario é favorable porque os festivos permiten sacrificar hoxe os animais e facer os chourizos o domingo, aproveitando o tempo libre dos días festivos. Pero este ano hai un problema inesperado. As altas temperaturas, de ata 16 graos hoxe na Terra Chá onde se atopa esta granxa, son demasiado elevadas e poden favorecer a aparición de insectos que contaminen a carne e tamén poden provocar que a súa curación non sexa a idónea. De feito, o ideal é que as matanzas coincidan con xeadas.

Nesta época do ano debera ir máis frío do que vai. Pode haber problemas de insectos e as explotacións non teñen equipos de frío necesarios para a conservación da carne. Hoxe está solleiro e iso non axuda.

"Estes exemplares foron criados con cereais a libre disposición. Logo mesturan herba e cereal e logo volvémolos cebar con gran para finalizar".

Para evitar problemas que se poidan derivar das altas temperaturas, tanto os criadores de cochos como os veterinarios recomendan tomar todas as medidas posibles para garantir a máxima hixiene e as mellores condicións sanitarias. Uso de roupa limpa, lavado de instrumentos e recipentes ou illado dos lugares onde se vai conservar a carne son accións que poden paliar os efectos da calor.

"Hai que atordalos e sangralos correctamente e que se respecten as pautas sanitarias e de hixiene. O tempo si que non o podemos condicionar".

"Tentamos que coman algo verde todo o ano. Cando non hai pasto, sementámoslles millo e nabos".

Nos útimos anos aumentou a demanda de porcos celtas coma estes que se sacrifican con 9 meses de idade e 110 quilos de peso. Ademais das matanzas na casa, cada vez é máis habitual mercar os animais xa sacrificados e despezados nas propias explotacións.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018