CRTVG

Buscar

A suba da incidencia na área de Vigo en plena Semana Santa, no foco de Sanidade

Publicado o 29/03/2021 21:09

• Os expertos advirten que está en xogo frear a cuarta vaga

Galicia logra manter a pandemia en fase de meseta. A incidencia, 70 casos por cen mil habitantes, é a metade da media española e podería baixar aínda máis se non fora pola repunta na área sanitaria de Vigo. Nos últimos sete días aumentou a incidencia practicamente o mesmo que baixou na da Coruña, durante semanas principal motivo de preocupación dos expertos.

E isto ocorre no inicio dun período vacacional que pode tirar por terra o conseguido durante estes meses.

"Estamos nun momento crítico. Baixou a incidencia e agora é o momento, se non relaxamos as medidas, de poder controlar o virus", advirte a inmunóloga África González.

Os expertos recomendan evitar os encontros en interiores con non conviventes. E se os facemos, debemos manter fiestras abertas, distancia e máscara. Tamén cómpre intentar gozar do ocio ao aire libre, en espazos abertos e sen aglomeracións. Está en xogo evitar a cuarta vaga do virus.

"En Galicia agora mesmo non está habendo un excesivo incremento, pero despois de Semana Santa, se realmente incrementamos os contactos, imos ter unha suba dos contaxios como vimos despois do Nadal", asegura África González.

Non está previsto un alivio das restricións en Galicia ata despois da Semana Santa. O comité clínico volve reunirse este martes para revisar a situación por concellos. A Coruña mantén a maior incidencia das cidades, seguida de preto por Vigo. No sur da provincia de Pontevedra tamén aumentan os contaxios en Moaña, Mos, Redondela ou Tui.

Noticias web

29/03/2021