CRTVG

Buscar

A sociedade organizadora do Mobile World Congress avaliará este venres se mantén a celebración do Congreso

Publicado o 11/02/2020 12:20

A empresa organizadora do Congreso Mundial do Móbil en Barcelona decidirá este venres se suspende ou mantén o evento. O goteo de cancelacións por medo ao contaxio do coronavirus non cesa, malia que os chineses anunciaron que estarán 14 días fóra do seu país antes de viaxar a España.

Van valorar nunha reunión ordinaria convocada para o venres se cancelan ou non o encontro de telefonía máis importante do mundo, programado para os días 24 a 27 deste mes. O asunto vai á orde do día despois de que dez empresas, entre elas Sony, Intel e Amazon, anunciaran que non van asistir por medo o coronavirus de Wuhan, malia as estritas medidas preventivas adoptadas.
Entre elas, que antes de viaxar a Barcelona os chineses participantes van pasar fora do seu país 14 días, período de incubación do coronavirus considerado máximo ata o de agora. As últimas investigacións acaban de prolongalo ata os 24 días.

Na China xa son máis de mil as persoas falecidas e están rexistrados arredor de 40.000 enfermos. En España hai dous casos, un nas Canarias e outro nas Baleares, onde permanecen illados e en bo estado. En Valladolid quedou desbotado que unha muller que viaxou recentemente a Shanghai estea contaxiada.

A Organización Mundial da Saúde reúne desde hoxe en Xenebra 300 expertos en epidemioloxía para estudar vías de investigación e posibles tratamentos e vacinas, mentres en Wuhan bailan para liberar estrés e xerar optimismo.