CRTVG

Buscar

A sesión de control ao Goberno convértese no primeiro acto de campaña

Publicado o 18/09/2019 16:03

A segunda e, probablemente, última sesión de control desta lexislatura estivo marcada polo cruzamento de reproches pola falta dun acordo para formar Goberno. O presidente en funcións repartiu culpas a dereita e esquerda, e o líder popular acusouno de querer eleccións dende un principio.

A vicepresidenta do Goberno culpou a Pablo Iglesias de imposibilitar a investidura, e a voceira de Unidas Podemos reprochoulle que nunca quixeron negociar. As dúas formaron parte dunhas negociacións cuestionadas agora polos dous partidos.

Unha das intervencións máis rechamantes foi a de Gabriel Rufián, o deputado de Esquerda Republicana. Se lembran, o partido estaba disposto a absterse para facilitar a investidura de Sánchez. Pois ben, hoxe Rufián cargou contra Sánchez, ao que acusou de non saber chegar a acordos con Podemos. E asegurou que os votantes están, dixo, fartos da situación. 

Calendario electoral

Oficialmente, a campaña para as próximas eleccións botará a andar o 1 de novembro e reducirase a oito días. Na práctica, arrancou xa hoxe, marcada pola frustración dun electorado que terá que volver votar por cuarta vez en catro anos. Por ese fastío dos cidadáns cara á política preguntábanlle os xornalistas a Pedro Sánchez, pero nin á entrada nin á saída do hemiciclo respondeu Sánchez. Si o fixeron membros do seu goberno. 

Margarita Robles, PSOE: "Agardo que os cidadáns o dez de novembro teñan en conta os que fixemos todo o posible para que España tivese un goberno estable".

PP, Ciudadanos, Podemos e outros partidos minoritarios culpan o PSOE da repetición electoral e de provocar desafección cara á política. 

Pablo Casado, PP: "Isto é inaceptable e estamos todos igual de indignados. Eu fixen autocrítica onte, agardo que o presidente do goberno a faga dunha vez".

Albert Rivera, Ciudadanos: "Onte o señor Sánchez fixo algo insólito, pegarlles a bronca aos españois por como votan".

A grande incógnita do dez de novembro vai ser o nivel de abstención que se rexistre e quen sairía máis prexudicado cunha hipotética desmobilización do electorado.

 

 

 

Noticias web

18/09/2019