CRTVG

Buscar

A sentenza dos ERE acapara o debate político co PSOE en plenas negociacións para formar goberno

Publicado o 20/11/2019 09:07

• O PP e C's piden que Pedro Sánchez asuma responsabilidades

• O secretario de Organización do PSOE retruca que no momento dos feitos Sánchez era edil en Madrid sen ningún tipo de compromiso

PP e Ciudadanos pedíronlle responsabilidades políticas a Pedro Sánchez, mentres desde o PSOE lembran que o actual secretario xeral non tiña relación ningunha coa dirección do partido no momento en que se produciron os feitos. 

"O maior dirixente que ten hoxe o PSOE é o señor Sánchez e ten que dicirnos se cambiou de criterio. Cando é o PSOE o condenado non cabe moción de censura e cando son outros si".

O secretario xeral do PP considera que Sánchez está inhabilitado para gobernar, criticaba así o que considera unha dobre vara de medir do actual presidente en funcións e lembrou que foi o propio Sánchez o que xustificou a moción a Rajoy pola corrupción do Partido Popular. Por Twitter, Pablo Casado dille ao presidente en funcións que sexa coherente e asuma responsabilidades. As críticas chéganlle tamén desde Ciudadanos de Andalucía. 

"Estamos ante o caso de corrupción máis importante da historia de España e atrévome a dicir que tamén de Europa", dixo Juan Marín.

Ata Albert Rivera, xa retirado, rompeu o seu silencio cun chío para pedir a dimisión de Sánchez. As críticas en Vox dirixíronas tamén contra o presidente do Goberno.

"Que se ille o partido máis corrupto de Europa", pediu en Twitter Santiago Abascal, referíndose ao Partido Socialista, mentres os responsanbles da formación en Andalucía subliñaban os ministros Calvo e Planas.

Dureza tamén nas declaracións de Teresa Rodríguez. "O PSOE de Andalucía é un partido cargado de corrupción, que sobreviviu 40 anos no poder facendo trampas", dixo a líder de Podemos en Andalucía. Pablo Iglesias recalcou que "España cambiou e non volverá tolerar a corrupción".

Desde Esquerra, Gabriel Rufián reprocha que os feitos condenados polos ERE teñan penas menores que as dos condenados no procés.

Compareceu para responder o secretario de Organización do PSOE: "Non nos pode deixar indiferentes porque afecta persoas que no seu día tiveron responsabilidades institucionais e orgánicas no PSOE. Pero estamos falando de feitos sucedidos entre 2001 e 2009, cando, evidentemente, este Goberno e esta dirección política non estaba"."Estamos falamos de feitos sucedidos entre 2001 e 2009, evidentemente este Goberno e esta dirección política non estaba". 

Ábalos lembrou que no momento dos feitos Sánchez era un edil no concello de Madrid, sen ningún tipo de cargo nin de responsabilidade orgánica no partido.

Noticias web

20/11/2019