CRTVG

Buscar

A sentenza sobre o 'procés' coñecerase a próxima semana, posiblemente o luns

Publicado o 11/10/2019 15:50

A sentenza do procés coñecerase a comezos da semana que vén, previsiblemente xa o luns día 14. Todo indica que haberá nove condenas, aos nove líderes independentistas que están en prisión preventiva. 

O xornal El País adianta hoxe que o Tribunal Supremo vai descartar o delito de rebelión consumada e apostar pola sedición. Será un sentenza histórica, probablemente a máis transcendental da democracia. E marcará os acontecementos políticos en España nos vindeiros meses e tamén a campaña electoral.

O Supremo ten que despexar coa sentenza a clave deste proceso xurídico: determinar se os 12 líderes do procés que durante catro meses sentaron no banco dos acusados instrumentalizaron a violencia para alcanzar a independencia. A Fiscalía sempre defendeu que houbo rebelión, igual que a acusación popular representada por Vox. A Avogacía do Estado apostou pola sedición, en concorrencia coa malversación. As defensas argumentaron simple desobediencia.

Segundo adianta hoxe o xornal El País, o tribunal do procés descarta por unanimidade o delito de rebelión consumada, que implicaría penas de 16 a 25 anos de prisión. E desbótano ao non apreciaren a falta de conduta típica, o alzamento violento e público, que describe o artigo 472 do Código Penal para ese delito. Pola ausencia da vía violenta, ábrese a posibilidade de acusalos de sedición, que algúns xuristas consideran unha "rebelión en pequeno".

Mentres a rebelión persegue condutas que pretenden modificar as estruturas do Estado, a sedición consiste en promover actos tumultuarios para impedir a aplicación de leis.

A incógnita despexarase, previsiblemente, o luns ao coñecerse a sentenza, da que non haberá lectura pública.

As penas e delitos estarán modulados para cada un dos doce procesados segundo o seu grao de implicación.

Uns días antes de saír a sentenza, o independentismo prepara a súa reacción. Juns per Cat, Esquerra e a CUP queren vehicular esa resposta a través do Parlamento catalán. Esta semana o president Quim Torra chamaba ao presidente da Cámara a convocar un pleno no que se someta a votación unha resolución que plasme o desacordo cunha sentenza que se prevé condenatoria.

Roger Torrent recibía nas últimas horas un aviso do Tribunal Constitucional: advírteo de que cometerá un delito se volve poñer o Parlamento catalán ao servizo do separatismo. E que, por tanto, a Cámara catalá non pode tomar iniciativas que supoñan ir dando pasos cara á independencia.

"Non podemos converter a Mesa do Parlamento de Cataluña nun órgano que limite de que se pode falar e non, en función do que lle guste ao Goberno español. Nós seguiremos defendendo a liberdade de expresión", reaccionaba Torrent.

O Tribunal Consitucional suspendeu tamén a resolución en que se reprobaba o rei Filipe VI e se defendía o dereito de autodeterminación para Cataluña.

Noticias web

11/10/2019