CRTVG

Buscar

A sentenza do "procés" protagoniza a vida política nunha semana con varias incógnitas

Publicado o 13/10/2019 21:24

Rexeitan as penas por rebelión, malia que os maxistrados consideran que houbo feitos puntuais de violencia

A notificación inminente da sentenza do procés despexará varias incógnitas susceptibles de debate e especulación nos últimos meses. Por exemplo, clarificará por que os lideres independentistas non incorreron nun delito de rebelión e fixará doutrina xurídica ao respecto. O que transcendeu é que os maxistrados do Supremo consideran que houbo feitos puntuais de violencia, pero non unha violencia esencial empregada premeditadamente como un plan para a independencia. De aí que queden rexeitadas as penas por rebelión, que levan aparelladas ata 30 anos de cárcere.

Por outra parte, as penas baralladas farían que os encausados teñan a posibilidade de acceder a permisos carcerarios ou a unha situación de semiliberdade nun prazo relativamente curto, cando teñan cumprida unha cuarta parte da condena. É dicir, abriría as portas a flexibilizar o seu réxime carcerario.

Outra incógnta ten que ver coa magnitude da reacción do independentismo ante esta decisión xudicial. A voceira do Goberno, de visita hoxe en Ourense, apelaba á seguridade desde a firmeza.

En paralelo a estas declaracións, o independentismo protagonizaba un ensaio de protesta na estación barcelonesa de Sants. Un grupo comezou facendo unha sentada no vestíbulo do edificio e foi desaloxado pola policía

A partir de aí concentráronse no exterior da estación e dirxíronse nunha marcha, que acabou reunindo unhas dúas mil persoas, con destino á praza de España da cidade condal. Alí cortaron a circulación e despois disolvéronse no Paseo de Gracia.

 

Noticias web

13/10/2019