CRTVG

Buscar

A condena á "manada" de Manresa reabre o debate do consentimento expreso

Publicado o 01/11/2019 09:26

En outubro de 2016, durante un botellón nunha nave abandonada ás aforas de Manresa, seis homes entre 25 e 39 anos fixeron quendas para violar unha rapaza de 14 anos. A sentenza da Audiencia de Barcelona condénaos agora a penas de entre dez e doce anos de prisión por abuso sexual continuado a cinco deles.

Considera que non foi agresión sexual, é dicir violación, porque os acusados, argumenta o tribunal, "puideron realizar os actos sexuais sen utilizar ningún tipo de violencia nin intimidación porque a vítima estaba baixo os efectos do alcol e as drogas".

Un deles mesmo foi absolto porque só se masturbou e non foi quen de evitar a agresión múltiple. Os avogados da vítima xa anunciaron recurso.

A polémica sentenza reabre o debate sobre a necesidade de reformar a lei actual. Esa modificación significa introducir na lei a necesidade do consentimento expreso. A modificación dos delitos sexuais no código penal quedara en suspenso debido á falta de actividade parlamentaria polo bloqueo político.

As reaccións chegaron desde todos os ámbitos. Desde a xudicatura, a Asociación de Mulleres Xuízas de España e da Asociación de Mulleres Xuristas Themis cren que esta sentenza non segue o criterio que defendeu o Supremo no caso da Manada de Navarra, urxen a reforma do código penal e reclaman que todos os delitos sexuais se reúnan nun só tipo penal de agresión sexual.

Desde a política, Irene Montero, de Unidas Podemos, manifestou o seu rexeitamento en Twitter. "Amigas, se bebestes, non é violación", ironizou e pediu un cambio urxente para deixar de ter, dixo, unha xustiza patriarcal.

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, mostrouse indignada porque a violación dunha menor de 14 anos inconsciente sexa considerado só un abuso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/11/2019