CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

A semente da pataca certificada para a comarca da Limia é escasa e ten un prezo elevado

Publicado o 17/04/2017 14:10

A semente da pataca certificada para a comarca da Limia é escasa e ten un prezo elevado. A de máis calidade achégase a 1 euro con 80 o quilo. A necesidade de empregar semente con todas as garantías ante o risco de propagación da couza guatemalteca provoca un exceso de demanda do produto oficial que escasea.

A pataca de semente certificada comeza a ser un produto escaso no comezo da sementeira na comarca da Limia, a principal produtora de Galicia. A normativa por parte da Administración é rigorosa á hora de esixir unha semente certificada e de calidade para evitar enfermidades. Pero arestora hai un exceso de demanda de semente o que implica unha subida do prezo, ademais de ser insuficiente para as necesidades da comarca.

A presenza de tratores na Limia revela que a sementeira comeza este ano adiantada con respecto a outras temporadas. Dunhas condicións climáticas benévolas, e con chuvia abondo nos próximos meses, dependerá o éxito dunha colleita que podería comezar no próximo mes de agosto.

A escaseza de pataca certificada obrigará algúns produtores a demorar a sementeira ante a falla de produto con garantías. A Limia, do mesmo xeito ca outras zonas do Estado, é deficitaria en patata de semente. Unicamente produce un trinta por cento das necesidades do mercado. O resto vén doutros países, fundamentalmente Holanda.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí