A Semana Santa remata con 32 mortos nas estradas españolas, a maior cifra en cinco anos, malia a covid-19
Publicado o 06/04/2021 18:46
A Semana Santa déixanos un dato tráxico nas estradas. Morreron 32 persoas en accidentes de tráfico. E iso que estabamos coas restricións de mobilidade entre comunidades e que houbo unha diminución moi grande no número de desprazamentos.
Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, houbo un 46 % menos de desprazamentos que no 2019. E, malia isto, morreron 32 persoas, cinco máis que hai dous anos. É a cifra máis alta de falecidos dende o 2016.
O 47 % dos mortos eran usuarios vulnerables da vía: 2 peóns, 1 ciclista e 12 motoristas. Máis da metade tiñan entre 30 e 50 anos. Ademais, houbo 97 feridos que precisaron hospitalización. 7 de cada dez vítimas faleceron en vías convencionais.