A Semana Santa de Lugo non incluirá actos multitudinarios

O presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta, confirma que "todo acto multitudinario" relacionado con esta celebración relixiosa "está suspendido" pola situación sanitaria e a evolución da pandemia.
Porén, asegura que están a traballar nun programa que respecte "escrupulosamente" as normas de seguridade. Segundo Basanta, o obxectivo é organizar actos reducidos e adaptados ás peculiaridades da Semana Santa de Lugo, declarada de Interese Turístico Galego pola Xunta de Galicia.
"A idea é facer algún acto cada día relacionado coa imaxe á que lle tocaría saír en procesión. Coa colocación de adornos florais, incluso con música sacra, pero sempre sendo moi escrupulosos coas medidas de seguridade e co límite de asistencia", precisa.
Ademais, van tentar organizar unha celebración "un pouco especial" nas datas máis significativas: o Domingo de Ramos, o Xoves e o Venres Santo.