A semana máis negra do ano nas estradas galegas remata con oito falecidos
Unha muller de 83 anos, de Ordes, faleceu atropelada ao baixar dun autobús. Viña de volta dunha excursión. Chovía, non había luz nin pasos para peóns e un vehículo levouna por diante. O outro condutor saíu ileso. Foi o último accidente desta ponte de Todos os Santos, que deixa un balance tráxico nas estradas galegas, cun total de catro mortos e catro feridos.
O sábado ao mediodía, na parroquia dos Ánxeles, en Brión, unha persoa morreu e outras dúas quedaron feridas de gravidade despois de chocar dous turismos. Unha delas tivo que ser evacuada no helicóptero do 061 e outra en ambulancia.
Moi próximo a este punto, cando aínda se estaba coas tarefas de limpeza da vía, sucedía un grave accidente. No concello de Ames, na estrada que une Negreira e Bertamiráns, un coche invadiu o carril contrario e bateu contra outro. Neste sinistro faleceron dúas persoas, que eran pai e filla. Outras tres quedaron feridas, e dúas deles houbo que liberalas.
O último accidente mortal do sábado produciuse en Ponte Caldelas, pouco despois das tres da tarde, na estrada PO-255, a dous quilómetros de Caritel. Dous coches bateron ao invadir un deles o carril contrario. Como consecuencia faleceu unha muller e un home quedou ferido de gravidade.
A Garda Civil lembra a importancia de extremar as precaucións co mal tempo. Se á ponte festiva sumamos os accidentes acontecidos o mércores en Viveiro, á altura de Begonte, onde morreu atropelado un home na A-6, o sinistro en Oia, en que faleceu o ocupante dun turismo que saíu da estrada e bateu contra un muro, e o de Trabada, onde un home de 81 anos perdeu a vida ao chocar contra outro vehículo, o total de vítimas mortais nesta última semana en Galicia foi de oito persoas.