A selección de Alicia Fernández dá un paso de xigante cara os cuartos de final

Segundo triunfo consecutivo da selección feminina de balonmán na que xoga a valdoviñesa Alicia Fernández. O triunfo diante do Brasil (27-23) permite que España dea un paso de xigante para xogar os cuartos de final, un reto moi complicado no chamado grupo da morte.
Brasil tamén se xogaba boa parte das súas opcións de superar a rolda e aguantou o primeiro tempo cun empate a 13 goles. O comezo do segundo comezou a marcar as diferenzas para as españolas grazas ao acerto de Nerea Pena (máxima goleadora con 7 tantos). Cun parcial de saída de 5-1 conseguiron ter un respiro aínda que o Brasil se achegou perigosamente mediado o segundo parcial (21-20).
Nese intre España soubo manter os folgos e ter o acerto necesario para con outro parcial de 3-0 sentenciar o partido. Alicia Fernández volveu a estar ben na dirección do xogo aínda que non achegou goles, ao igual que a xogadora do Guardés Paula Arcos.