A segunda vaga de contaxios avanza en Europa, batendo récords diarios de novos casos
A segunda vaga de contaxios avanza en Europa, batendo récords diarios de novos casos. Con 1,1 millóns, Francia xa superou a España e é o país europeo con máis casos acumulados dende o inicio da pandemia. Este domingo notificaron 52.000 novos positivos, un dato sen precedentes e o cuarto récord diario consecutivo. E aínda máis, segundo o presidente do consello científico que asesora o Goberno francés, a cifra real de contaxios podería ser de arredor do dobre, uns cen mil ao día.
En Italia tamén baten récords de positivos, con máis de 21.000 novos casos ao día. Xa hai cinco rexións con toque de queda nocturno, e agora o Goberno italiano impón restricións en todo o territorio para tentar, segundo dixo o primeiro ministro, "salvar o Nadal". Clausúranse ximnasios públicos, piscinas, cines ou teatros, e ademais, durante as próximas catro semanas, os bares e restaurantes de todo o país pecharán ás seis da tarde. O Goberno recomenda non viaxar ao estranxeiro se non é imprescindible, porque non desbota implementar novas restricións que poderían complicar a volta a Italia.
Bruxelas tamén pecha cines, teatros e museos para conter a segunda onda da pandemia. A máscara volve ser obrigatoria e adiántase o toque de queda ás dez da noite. Bélxica ten a segunda taxa de infección per cápita máis alta de Europa.