CRTVG

Buscar

A segunda fin de semana de agosto chega chea de festas por toda Galicia

Publicado o 10/08/2018 14:19

As festas multiplícanse esta fin de semana por toda a comunidade con celebracións patronais como as da Peregrina en Pontevedra ou as de San Roque e citas  gastronómicas como as do polbo do Carballiño e a feira do viño de Monterrei, entre outras.

As festas serán as protagonistas da fin de semana en Galicia. 

Esta mesma tarde, a partir das seis e media, o concello de Avión celebra a Festa mexicana, en homenaxe ao país que acolleu os emigrantes deste municipio ourensán. Non faltarán os mariachis nin a gastronomía tradicional.

Pouco despois, contra as 8 da tarde, inaugúrase na rúa de Valdeorras a Bacofesta. Unha cita co pasado romano da localidade que recupera o ambiente histórico na zona recreativa do Aguillón, onde os asistentes poderán gozar de exhibicións de cetrería e dunha comida popular o domingo.

Tamén ás 8 da tarde se inaugura a décimo terceira edicón da Feira do Viño de Monterrei en que participarán 16 das 26 adegas que conforman a denominación. Os visitantes poderán degustar ata o domingo os caldos da zona, así como participar nas  actividades lúdicas e gastronómicas desta cita.

Tras lograr cortar a tapa máis grande de polbo con 450 quilos de cefalópodo en pouco máis de 10 minutos, O Carballiño celebra a 56 edición da Festa do Polbo. O día grande será o domingo cun multitudinario xantar en que entre 40 e 50 polbeiras prepararán ata 70 mil quilos de polbo. 

A Guarda entra na celebración das Festas do Monte, declarada de Interese Turístico de Galicia. Mañá sábado celébrase o tradicional desfile das bandas mariñeiras en que participarán arredor de 3.000 persoas. 

Pontevedra inaugura hoxe as súas Festas da Peregrina cun extenso programa de actividades para todos os públicos. Atraccións, concertos, espectáculos de pirotecnia e a tradicional batalla de flores que se celebrará o próximo venres. 

Coa celebración do Día do Río e a apertura do mercado medieval, o domingo comezan en Melide as festas na honra de san Roque  que se prolongarán durante toda a semana con concertos, actuacións musicais e actividades para todos os públicos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/08/2018