CRTVG

Buscar

A segunda dose da vacina comezará a dispensarse este domingo nas residencias

Publicado o 14/01/2021 15:19

• Usuarios e traballadores do 94 % dos centros de maiores de Galicia xa recibiron a primeira dose

• A vacinación dos sanitarios chega aos centros de saúde

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este xoves que o ritmo de vacinación fronte á covid-19 avanza na comunidade segundo o que permiten as doses recibidas. Así, concretou que usuarios e traballadores do 94 % de residencias galegas xa recibiron a primeira dose e a segunda empezarase a administrar o vindeiro domingo 17, transcorridos os 21 días necesarios.   

"O domingo día 17, ás 8:00 horas, vacinaremos a primeira persoa que recibiu a vacina en Galicia na residencia Porta do Camiño en Santiago", sentenciou Feijóo, quen situou no 94 % as residencias nas que xa se administrou a primeira dose da vacina aos usuarios e ao persoal -521 dun total de 566-. En total, administráronse 33.351 doses ao persoal e aos anciáns que residen en centros xeriátricos da comunidade. 

Tras o Consello da Xunta, que analizou o plan de vacinación, ratificou que o obxectivo é que este mesmo mes poidan quedar inmunizados coas dúas doses traballadores e usuarios dos centros xeriátricos que estean libres de covid-19 -nos que se rexistran gromos é preciso "esperar", lembrou.   

E engadiu que, con 2.200 traballadores de enfermería preparados para actuar, Galicia está disposta a seguir o ritmo de vacinación "sen descanso". De momento, bastaba con 200 membros do persoal de enfermería para as 18.000 doses de Pfizer que a Comunidade recibe á semana. Pero Feijóo lembrou que agora se sumarán as 1.800 de Moderna e agregou que, se se autorizan novas vacinas e hai máis doses, a dotación de profesionais sanitarios para administralas "non será un problema". 

En canto aos sanitarios, indicou que este mércores empezou "con normalidade" o proceso de vacina nos servizos prefixados polo protocolo.

"Vacinamos máis de 5.000 e hoxe o obxectivo é chegar a 7.000 para vacinar arredor de 20.000 á semana", explicou o presidente, para engadir que Política Social e Sanidade traballan para concretar os protocolos dos seguintes grupos. 

Respecto diso, avanzou que o obxectivo é que os sanitarios que non estean nos servizos de "primeira liña de vacinación" e outro persoal sociosanitario (por exemplo, quen traballa en centros de día e os que atenden a persoas no seu domicilio) empecen a ser vacinados entre o 10 e o 12 de febreiro.   

Para os grandes dependentes, que estarán na seguinte quenda, o presidente calcula que se podería empezar en marzo. En todo caso, Feijóo pediu "un esforzo" á poboación e responsabilidade, xa que -remarcou- "non hai tratamento" contra o virus nin vacinas "suficientes" non só en Galicia ou España, senón tamén no resto de países.