CRTVG

Buscar

A secundaria súmase á folga dos estudantes en Cataluña

Publicado o 30/10/2019 11:35

A Universidade Pompeu Fabra centralizou onte as protestas pola sentenza do procés. Un reducido grupo de estudantes bloqueou os accesos aos campus e vivíronse escenas de tensión e forcexos cando outros alumnos intentaron entrar a clase. Os piquetes reclaman flexibilizar a avaliación para compatibilizar as clases coas protestas. Outras universidades aceptárono, pero a Pompeu resistíase. O reitor mostrouse partidario de atender as reivindicacións dos estudantes e de negociar que abandonaran o peche.

No plano político, a Mesa do Parlamento tratará, previsiblemente, na súa reunión de hoxe a moción que presentaba nas últimas horas a CUP, en que reivindica o dereito de exercer de forma concreta a autodeterminación, e critica o Govern, ao que acusa de ser incapaz de debuxar unha saída política clara ao actual escenario, di o texto da moción.

Nun acto con 500 empresarios das cámaras de comercio de Cataluña, Torra presentaba o seu novo modelo económico para Cataluña, desvinculado de España, e aseguraba que o Govern seguirá o mesmo camiño. "Cataluña é un país en marcha e non parará", dixo Torra.

A CUP tamén lle pediu a Quim Torra que cese o conseller de Interior, Miquel Buch, por mor da actuación dos Mossos durante os graves disturbios que houbo hai dúas semanas e que se depuren responsabilidades. Tamén Esquerra pediu explicacións.

Onte o conseller reuniuse cos Mossos e a Generalitat anunciou a apertura dunha macroinvestigación para supervisar 15 actuacións dos Mossos d'Esquadra durante os disturbios. É a maior auditoría interna que se fixo ata o de agora na policía autonómica catalá. Tratará de determinar se a actuación dos axentes foi proporcionada e se cumpriron os protocolos que teñen fixados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/10/2019