CRTVG

Buscar

A secretaría de Transporte do Goberno de Trump dimite tras o asalto ao Congreso

Publicado o 07/01/2021 20:23

É a paisaxe despois da batalla no corazón da democracia estadounidense. Os corredores do Capitolio amencían este xoves cubertos da pegada dos vándalos, carteis dos que cren que as eleccións foron un roubo, acusacións de traizón e o busto do ex-presidente Taylor manchado do que ben podería ser sangue. Sangue como a de Ashli Babbit, a simpatizante de Trump e veterana da Forza Aérea abatida durante o asalto. Outras 3 persoas morreron nos enfrontamentos posteriores nas rúas de Washington. 

O xefe da polícía metropolitana informaba ademais do achado de dúas bombas caseiras preto das sedes dos partidos demócrata e republicano e dun vehículo preto do capitolio con armas e cócteles molotov. A alcaldesa decretou o estado de emerxencia na capital ata despois da investidura do novo presidente o 20 de xaneiro.

O asalto abriu os ollos de moitos colaboradores de Donald Trump, empezando polo seu propio vicepresidente Mike Pence, que condenaba a violencia nos termos máis duros posibles, ata media ducía de asesores da Casa Branca que anunciaban a súa dimisión. Máis relevante, o da secretaria de Transporte, Elaine Chao, quen está casada co líder da maioría republicana no Senado, Mitch McConnell, primeiro membro do gabinete presidencial que dimite.

O propio Pence certificaba horas despois a vitoria de Joe Biden nas eleccións do pasado 3 de novembro, e forzaba a Trump a facelo, aínda que ao seu xeito.

Coas súas contas de redes sociais bloqueadas, o presidente recorría a dun dos seus colaboradores para distribuír un comunicado en que, pese a declararse en desacordo co resultado electoral, se comprometía cunha transición ordenada o vindeiro 20 de xaneiro.

Con todo, di que seguirá coa súa loita para asegurar que só se conten os votos legais e advirte que isto é só o principio da súa loita para facer América grande outra vez. Facebook anunciou o bloqueo por tempo indefinido das contas do presidente.

Case todos os principais líderes mundiais condenaron a toma do Capitolio, a máis dura a alemá, Angela Merkel, que responsabilizou directamente a Trump de crear unha atmosfera propicia á violencia. Non o condenaron nin o mexicano López Obrador nin o brasileiro Jair Bolsonaro, o único xunto a Trump que aínda segue defendendo a teoría da fraude.

Noticias web

07/01/2021