CRTVG

Buscar

A seca xa afecta a colleita de millo forraxeiro

Publicado o 31/07/2020 21:45

Nestes días é cando se produce a floración do millo forraxeiro, da que sairán as espigas que conteñen as proteínas, enerxía e amidón que precisan as vacas para converter o alimento en leite.

A falta de auga debilita esa floración e pode levar a que a colleita se reduza nunha alta porcentaxe, o que obrigaría os gandeiros a ter que mercar forraxes coas conseguintes perdas económicas. Unha situación moi difícil de solucionar se non chove.

"Nesta situación de seca en xullo, algo anormal como vemos estes días, pode haber unha mingua nas colleitas. E esa mingua acaba repercutindo economicamente nos gandeiros que teñen que mercar foraxes para as vacas".

O Val de Lemos é a única comarca leiteira onde a seca non causa problemas. O sistema de regadío do encoro de Vilasouto permite abastecer diariamente de auga unhas mil hectáreas de millo.

A chuvia de primavera encheu o encoro e, polo momento, hai auga suficiente. Por iso animan a crear sistemas similares noutras zonas de produción de millo forraxeiro.

No momento da sementeira xa houbo problemas causados por corvos, fungos e insectos, e daquela foi preciso resementar parcelas, sobre todo, na Terra Chá.

Noticias web

31/07/2020