CRTVG

Buscar

A sardiña loce xa nos expositores dos mercados galegos

Publicado o 07/06/2019 13:58

Con carteis coma este rodeados de sardiñas, nos mercados comezan a vivir a festa grande do inicio do verán. As sardiñas locen xa desde esta semana nos expositores das peixerías, malia que de momento non entran en grandes cantidades.

"Esta semana empezou a haber. A semana pasada houbo soamente dous días, pero esta semana non houbo seguido porque houbo pouca, pero temos todos sardiña. Como vai tendo boa venda, xa che van preguntando para o san Xoán".

"De momento non hai moita, non, está bastante limitada".
"Hoxe co temporal tampouco houbo tanta, per esta semana non nos podemos queixar", din as peixeiras  do mercado da plaza de Lugo, na Coruña.

Os prezos a día do hoxe andan entre os 6 e os 8 euros o quilo. Nos puntos de venda aseguran que para o San Xoán todo dependerá da cantidade de sardiña que haxa.

"O prezo barato non está, porque non hai moita, outros anos nesta época ía moito máis barata pero está accesible".

"Hoxe está a seis euros pero o san Xoán é un sábado, entón xa lles dicimos que non temos nin idea, nin a que haberá nin a como estará, porque todos os anos pasa o mesmo. Eu penso que ha de haber, pero hai que esperar o momento", din as peixeiras.

"Eu vinas a sete euros o quilo, tampouco me parece demasiado cara, creo que está coma todos os anos máis ou menos", asegura unha clienta.

Malia que aínda non está no seu punto óptimo, os que as probaron aseguran que lles falta aínda un pouco de graxa, pero que o sabor é excelente.

"Por agora aínda din que non está boa porque aínda din que non molla o pan. Din que non ten moita graxa aínda pero están de sabor, exquiesita, exquisita".

"A xente ten moitas ganas dela o que pasa é que de momento para facelas na casa hai que botarlle un pouco de aceite pero está moi boa, boa, boa", din as peixeiras.

"Están riquísimas, riquísimas, a verdade é que si", di unha clienta.

Será para o san Xoán cando a sardiña molle o pan, pero os que o desexen xa poden ir probando o seu sabor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/06/2019