CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

A sardiña escasea cando faltan cinco días para o San Xoán e págase a seis euros o quilo

Publicado o 18/06/2015 20:51
Cando faltan cinco días para o San Xoán, a sardiña segue escaseando nas lonxas. Nas prazas de abastos págase a seis euros o quilo e o sector prognostica que non supere os 10 euros do ano pasado.

Cando faltan cinco días para o San Xoán, os barcos de Portosín chegan a terra con máis xurelo ca sardiña. "Xurelos tamén se poden comer pero a lei di que por San Xoán a sardiña molla o pan...", comenta Marcos Vázquez, patrón do Titán II.

A pouca sardiña que hai págase na lonxa a uns tres euros. No que levamos de campaña en Galicia pescáronse 700 toneladas, catro veces menos das que se capturaran en 2012. O sector di que este ano hainas, pero non se pescan. "Esta semana en Portosín houbo pouca. Colleron máis pola Coruña e Camariñas. O prezo é barato: 60 euros a caixa. É dicir, entre dous e tres euros o quilo", concreta Marcos Vázquez.

Nas prazas de abastos non cren que a sardiña poida superar os 10 euros aos que se pagou no San Xoán do ano pasado. "Non se pode prognosticar porque depende da cantidade que haxa. Hoxe está a seis euros e a de Rianxo, a sete", di Mari Carmen Aldrey, de Pescados Mari Carmen.

Cinco días para o San Xoán. Cinco días para pescar sardiña, para que suba de prezo e para espantar as meigas nas fogueiras.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí