CRTVG

Buscar

A sala de concertos Baba Bar morre por mor da covid-19

Publicado o 22/10/2020 14:44

As paredes da sala de concertos Baba Bar escoitaron esta mañá a súa derradeira canción.  Deste xeito, a cantautora Silvia Penide quere renderlle homenaxe a esta emblemática sala e tamén a Cristina, a súa propietaria.

"Cantar esta última canción é en nome de toda a xente que pasou por este escenario", explica Silvia Penide, cantautora.

Hai once anos Cristina iniciou aquí, con moita emoción, a súa aventura que hoxe, coas bágoas nos ollos, ponlle fin.

"Teño dentro unha mestura de sentimentos... Eu desde que comezou esta pandemia non abrín. Non me foi posible. Tés gastos, pero non ingresos. Eu resistín ata aquí", explica Cristina Toba, propietaria da sala.

"Perdemos moitísimo. Hai que dicir que esta pequena sala programana ao ano 170 concertos", lamenta Tomi Legido, programador da sala Mardi Gras.

Cualifican este peche como un duro golpe para o sector. Pero teñen claro que non van ficar cos brazos cruzados.

"Marian inventou o 'Ou nos unimos ou nos afundimos' e imos facer unha serie de accións para evitar outros peches", explica Cristina Toba.

Van facer todo o ruído que poidan para defender a actividade e a cultura que promoven e difunden estas acolledoras salas de concertos que viron nacer unha morea de artistas.

Noticias web

22/10/2020