CRTVG

Buscar

A saída dos menores á rúa debería adaptarse ás necesidades de cada neno, segundo a Asociación de Saúde Emocional

Publicado o 28/04/2020 12:34

A capacidade de adaptación dos nenos ás novas circunstancias sorprende en moitos casos aos adultos. Aínda así, na Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia, tamén lembran que esta adaptación depende das circunstancias de cada familia.

Ricardo Fandiño, presidente de ASEIA: "Hai familias afectadas pola enfermidade e isto tamén ten unha repercusión nos rapaces ou familias que están nestes momentos en situacións económicas difíciles de maior tensión... Non todas as familias poden xestionar a vida dos nenos do mesmo xeito".

Hai circunstancias e necesidades diferentes para cada menor. A saída á rúa ten moitos beneficios, pero debe adaptarse ao que precisa cada neno.

Ricardo Fandiño, presidente de ASEIA: "Non fai falla saír o primeiro día, nin todos os días, nin a hora completa. O que temos que facer os adultos é ter a capacidade de dialogar cos nosos fillos, coas nosas fillas, e, xa que temos esta oportunidade, adaptarnos ás súas necesidades".

Servizo de apoio emocional de ASEIA: teléfono 622 245 545 ou aseia.galicia@gmail.com

ASEIA puxo en marcha un servizo de primeiros auxilios emocionais ante a crise do coronavirus. As pr¡meiras consultas foron sobre organización, pero cambiaron co paso dos días.

Ricardo Fandiño, presidente de ASEIA: "Despois xa empezaron a chegar chamadas de xente máis preocupada por pequenos problemas de irritabilidade, transtorno do sono... Tamén familias que teñen rapaces con problemas anteriores percibían unha regresión a partir do confinamento".

A asociación leva máis de 100 intervencións desde que comezou o estado de alarma. Algunhas consultas polo uso de dispositivos electrónicos, especialmente nos adolescentes. Eles non botan tanto de menos os paseos, pero si as relacións cos amigos. Algo que manteñen desde a casa estes días grazas a súa capacidade de inmersión dixital.

Noticias web

28/04/2020