A Ruta do Mexillón na Ría de Arousa permítelles aos turistas coñecer o proceso de cría deste molusco
Coñecer a cría, o proceso de extracción e todo o que rodea ao mexillón foi o obxectivo da ruta programada en catamarán na Ría de Arousa. Dende o Porto do Grove unha embarcación ensina aos curiosos os segredos das bateas mentres degustan o mellor das nosas rías.
No Grove, un grupo de turistas foi a tripluación do catamarán que fixo un roteiro bordeando a costa da Ría de Arousa. Os visitantes ían en busca do mexillón, o motivo da singradura.
Os que se embarcaron nesta ruta recibiron unha explicación do cultivo do mexillón dende a propia batea. Ademais comprobaron a lonxitude e a carga das cordas das que penduran o froito do traballo dos marisqueiros no polígono, que dá case 100 toneladas de marisco. A maioría non o viran nunca.
Pero tamén houbo tempo para a troula cunha degustación de mexillón a bordo do barco coas praias do Grove como pano de fondo. Un marco incomparable para petiscar un dos tesouros gastronómicos máis típicos da cociña galega.