CRTVG

Buscar

A ruta ciclista do Camiño Francés terá sinais este ano

Publicado o 25/09/2019 14:31

O Camiño Francés ao seu paso por Galicia terá sinalización para ciclistas este ano, segundo anunciou a directora xeral de Turismo, Nava Castro, no foro de Eurovelo 3, un proxecto para facilitar a peregrinación en bicicleta polos 3.600 quilómetros da ruta, desde Navarra a Santiago.

O Camiño Francés está incluído na rede europea de rutas ciclistas, Eurovelo. O proxecto Eurovelo 3 está dedicado o percorrido español, desde Navarra ata Compostela.

"Estamos a punto de comezar a sinalizacion do tramo galego, que une Pedrafita con Santiago de Compostela. Son 193 quilómetros divididos en tres etapas, Sarria, Melide e Santiago de Compostela", anunciou Nava Castro, directora de Turismo da Xunta de Galicia.

Segundo dixo, os sinais non só van indicar a dirección da ruta, separada das dos peregrinos a pe, senón tamén as características de cada tramo. Tamén anunciou que están traballando para chegar máis aló de Compostela.

"Estamos traballando coas administracións e as deputacións para que a rede Eurovelo 1 e Eurovelo 3 se unan no final, en Fisterra-Muxía, e xa teriamos toda Europa perfectamente unida", sinalou Nava Castro.

Desde a coordinadora nacional pola bicicleta sinalaron, en cambio, que no Camiño non hai infraestruturas, que non se inviste desde hai anos e que hai tramos perigosos para eles.

"Segue habendo unha ausencia absoluta de investimento en infraestrutura ciclista, que é absolutamente necesaria para facer unha promoción real da bicicleta e do Camiño de Santiago en bicicleta", lamentou Faustino Gómez, presidente da Coordinadora Nacional pola Bicicleta en Santiago

Segundo a Xunta, o ano pasado obtiveron a compostela 21.000 peregrinos en bicicleta.

 

Noticias web

25/09/2019