CRTVG

Buscar

A Rioxa, Andalucía e as dúas Castelas decretan o confinamento de varias localidades

Publicado o 29/09/2020 21:08

Cos datos de contaxios disparados na rexión da Rioxa Baixa, non fixo falta que rematasen os cribados masivos para tomar a decisión. A partir deste xoves quedan confinadas as vilas de Calahorra, Arnedo e Rincón de Soto. Non se poderá entrar nin saír, salvo as habituais excepcións, e o número máximo de persoas para as reunións sociais será de media ducia. Desde o Goberno piden paciencia aos cidadáns e salientan os bos resultados do confinamento en Alfaro.

O Goberno de Castela e León tomou a mesma decisión coas localidades valisoletanas de Medina del Campo e El Carpio, así como na salmantina de Sotoserrano, debido ao ritmo acelerado de contaxios nos últimos días. Súmanse a outros cinco municipios que xa permanecen con restricións.

Andalucía anuncia cribados masivos para os 11 municipios que superan os 500 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas.

A Junta de Andalucía decidiu ademais confinar a localidade sevillana de Casariche e limitar a seis persoas as xuntanzas familiares. En Castela-A Mancha decidiron un confinamento flexible para Talavera de la Reina, que non implica limitacións á mobilidade.

Noticias web

29/09/2020